As mulleres do R.C. Náutico de Vigo gañaron no domingo no I Campionato Estatal Feminino de Traiñeiras; un deporte que até o de agora non recoñecera a categoría feminina.
No primeiro ano da historia feminina deste deporte, foron as remeiras viguesas as que gañaron a todos os demais clubes estatais que competían na fin de semana en Xixón.
Logo de moitos anos de loita das remeiras, nos últimos tempos co apoio da Marcha Mundial das Mulleres, a Federación Galega de Remo –coa intervención da Dirección Xeral para o Deporte- recoñeceu no mes de xullo do ano pasado a igualdade entre homes e mulleres nas categorías de banco fixo. Posteriormente, a principios deste ano chegou o recoñecemento por parte da Federación Española de Remo.
Sabedoras do difícil que é competir nun deporte que tracionalmente e socialmente é considerado como masculino, segundo a Marcha Mundial das Mulleres, a participación e os triúnfos teñen duplo mérito.
Un traballo pola igualdade, tamén nos deportes
O patrocinio das Bandeiras de Traiñeiriñas Femininas "Marcha Mundial das Mulleres" por parte da Dirección Xeral para o Deporte e a colaboración do Servizo Galego de Igualdade e as concellarías de muller de Redondela e Moaña, foron decisivos para que hoxe esta competición deportiva sexa igualitaria para homes e mulleres.
No Campionato, seis dos nove clubes eran galegos, e quedaron nas seguintes posicións: a xa sabida primeira posición do R.C. Náutico de Vigo; o C.R. Cabo de Cruz quedou de segundo, as mulleres do C.R. Chapela de cuartas; de quintas as do C.R Mecos; de sextas as do S.D. Samertolomeu e na novena posición, as remeiras do C.R. Vilaxoán.