Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS SUBVENCIÓNS MÁXIMAS DO PP INCLUÍAN VIVENDA LIBRE DE ATÉ 481.000 EUROS

Vivenda suprime a Hipoteca Xove e reorienta as axudas cara á vivenda protexida

A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, vén de desplegar no Parlamento expedientes recordatorios da política de vivenda do PP, que acusa á consellería de "destroller" (sic) por "non construír novas vivendas, anular as axudas aos mozos e reducir as prestacións dirixidas aos galegos máis necesitados". "O 70% das súas axudas foron subvencións a compradores de vivenda libre", replicou Táboas, que engadiu que o anterior programa, o Hipoteca Xove, respaldou coa axuda máxima de 1.500 euros a compra de vivenda libre de até 481.000 euros nalgúns casos. A conselleira anunciou que non se renovará o programa Hipoteca Xove, destinándose todas as axudas aos mozos menores de 35 anos con menor renda que merquen vivenda protexida.

- 15:45 07/03/2006
Tags:

"Cal é a súa idea, financiar a vivenda libre? Cantos mozos galegos menores de 35 anos poden mercar vivenda libre?", pregúntanse desde o gabinete que dirixe Teresa Táboas. Para a voceira de Vivenda do PPdeG, Pilar Rojo, o actual gabinete "limítase a destruír o que estaba feito, cando 7.000 mozos galegos son propietarios de vivendas grazas á Hipoteca Xove".

Táboas ensinou hoxe no Parlamento expedientes selados durante o anterior Goberno onde se respaldaba coa axuda máxima -1.500 euros- a compra de vivendas de até 81 millóns de pesetas, "unha subvención que representa un 64% máis da subvención media concedida aos demandantes de vivenda protexida. Un 11,2% das subvencións outorgadas polo PP favoreceron a compra de vivendas "de 199.000 euros de media", dixo Táboas.

Así, Vivenda manterá a axuda para sufragar os gastos de constitución dunha hipoteca, pero só para vivenda protexida, suprimindo as axudas para vivenda libre. A partida coa que se conta para este concepto é de 5,7 millóns de euros -un 27% máis ca en 2005-, da que se poderán beneficiar até 9.500 mozos -segundo os cálculos da consellaría- que recibirán préstamos hipotecarios preferentes a través do Plan de Vivenda. A axuda fíxase en 600 euros por comprador, dacordo aos custos reais de constitución de hipotecas fixados no Plan de Vivenda 2005-2008. A realidade salarial dos mozos galegos a penas sobrepasa agora mesmo os 13.000 euros brutos/ano.

"Nova política"

"A única maneira de que os mozos deste país poidan acceder a unha vivenda é poñendo no mercado vivenda protexida a prezo taxado que poidan pagar. Estamos ante unha nova política, de marcado carácter social", asegurou Táboas.

Para favorecer a implicación do sector privado na construción de vivenda a prezo taxado, o Plan Galego 2005-2008 eleva ao máximo os coeficientes multiplicadores do prezo da vivenda protexida de rexime especial e de prezo xeral na zona territorial 1, que concentra os concellos máis caros. Ademais hai unha equiparación entre a vivenda de Protección Autonómica (VPA) e a de protección oficial (VPO), que permitirá ás vivendas protexidas galegas desfrutar das mesmas exencións fiscais ca no resto do Estado.

Fica pendente o acordo coa FEGAMP para acadar "un gran pacto polo solo". A consellaría ofrécese como axente urbanizador a cambio de que o solo en cuestión se adique a vivenda protexida. Neste exercicio disporá de 37,5 millóns para a creación de solo residencial.

Para Pilar Rojo, a conselleira de Vivenda trata de "enzoufar o feito" polo anterior Goberno. O PPdG valeuse do informe do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para afirmar que o 12,32% dos proxectos visados en 2004 correspondía a vivendas de protección oficial, "porcentaxe que se reduciu ao 6,75% en 2005 como consecuencia do parón impulsado por Vivenda". Neste punto, o actual gabinete lembra que as eleccións nas que mudou o goberno celebráronse o 19 de xullo.


0/5 (0 votos)