Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Todavía non digo aínda (1)

19:00 04/05/2010

Dos anos sesenta cara a atrás, os que nacemos en barrios, no seno de familias de orixe labrega, ou de pescadores ou calquera outros oficios propios de clases populares, tivemos na nosa inmensa maioría o galego como primeira lingua. Tamén tivemos como compañeiros de viaxe un feixe de prexuízos diglósicos que requiriron dun bo esforzo para podermos superalos.

Desde aqueles que acababan usando de xeito sistemático o castelán como símbolo do novo status social acadado (o cambio da aldea cara á vila ou a cidade), pasando por aqueles que proxectaban sobre os seus fillos e fillas dita pretensión de novo status mediante a educación en castelán (nomeadamente a través da figura das nais), ou aqueloutros que cambiaban dun para outro segundo lles cadrara, ou aqueloutros, en fin que, sen abandonar o galego, asumían todo tipo de influencias para disimular a súa maneira de falar, todos coincidían nunha suposta maior condición social do castelán.

Sendo como son dunha zona onde a gheada está moi presente, non tería por que haber máis problema coas ghaliñas. Porén, o dibuxo soaba mal; mellor dibujo, dibujar, etc. Tamén, cuchillo, ayer, buenos días (os tan interiorizados buenos días como sinal de boa educación).

Lembro unha tarde de verán nos anos oitenta, pola rúa do Sol disposto a enfiar a Gran Vía cara ao xardín (en Carballo). Tiña algo de presa e adiantei a unha moza que levaba da man a un cativo duns tres ou catro anos: "Non se di coitelo, dise cuchillo, oyes? Que sona mui feo!" Tanto dibujo acabou borrando do mapa sonoro (non totalmente, por sorte) o son [h] ao que tanto acoden os profesores e profesoras de inglés para explicar como se pronuncia house.Lembro, como un dos moitos tópicos despectivos con respecto á fonética galega, aquilo de "Os de Masaricos, que baten co soco na asera" (polo seseo, ben precioso por certo, e do que tanto teño gozado en Compostela cada vez que coñecía a alguén que falaba co engado deses eses sibilantes tan preciosos e a gheada ben pronunciada).

Con todo, a sintaxe deixaba abrollar unhas estruturas netamente galegas que ¡no te me cuadraban nada bien, tú! Por que te voy decir, eh, que difícil te nos resultaba hablar en castellano, aunque no lo podiamos reconocer. Venca, venca, que poco a poco, lo conseghiremos. Oyes, y ese niño, con lo ghuapiño que te es, ¡y que no te suelta palabra en castellano! ¡Pobriño! ¡¿Y dónde te nacería?!

A tendencia xeral era a do abandono pronunciado cara ao castelán na procura de maior prestixio social (ou cando menos aparente). Pouco a pouco a lingua inzábase de castelanismos, aínda que na estrutura sintáctica notábase moito a pegada da lingua de orixe. Falar con xente maior brindábache unha oportunidade única: ir escoitando un feixe de verbas afastadas no tempo, pero tan preto da terra que as viu nacer! Como non, nos libros sempre temos moito que aprender. Pero que grande pracer poder coñecer palabras novas da man de xente maior e descubrir no seu contexto o seu significado! Nunca souben o que era un esquío ata que aprendín esa verba nos libros. Porén, si que experimentei o pracer de aprender da man de meus pais, xa maiores, o que era non ter siria nas mans. Tan só hai que poñer o oído e moitas ganas de querer saber.

4,72/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...