Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

A mala conciencia do conselleiro

09:53 08/02/2010

O sentimento de abandono produce melancolía e conduce ao ensimesmamento. Seica unha das persoas que máis sofre de abandono e que mellor pode explicar este mal do espírito é o conselleiro de Cultura, quen aborrece do ensimesmamento dos artistas condenados a traballar para un reducido público local, quizais laiándose de non poder transplantalos como se fosen nabizas para deixar paso a outros creadores con arelas universais.

O problema de gobernar sabéndose depositario dos devezos das maiorías silenciosas é que os votantes confirman cada catro anos os principios xerais, pero non referendan as decisións dos gobernantes no decorrer da lexislatura. Por non ter, os votantes nin sequera teñen a obriga de manifestarlles o seu apoio cando chove a eito sobre eles. E quen sabe se non será mellor así, pois xa temos visto consultas que acaban volvéndose en contra de quen promove o referendo. Con todo, é notable que o conselleiro – un ser incomprendido e non obstante, singular – teña acadado tanta unanimidade sobre a súa persoa entre o colectivo que, é un supoñer, representa.

Quen sabe se o conselleiro non visitará ás veces o Gaiás en solitario para mitigar os desgustos do cargo, pois nese lugar outros conselleiros tamén enfermos de saudade coma el fundaron unha expresión da cultura máis sólida e predicible que as obras dos ingratos creadores, construída en pedra para glorificar os nomes das persoas que acometeron tan magna obra e incapaz de formular a menor das críticas.

E como eu non paso de representarme a min mesmo, teño liberdade abondo para reflexionar sobre o fito histórico que supón o Gaiás. Pois quen toma as decisións movido polo sentimento da culpa pode excederse na aplicación do remedio, que adoita ser ineficaz para tratar o mal. Pensen por exemplo nas persoas entre as que tamén conto eu que, chegados os corenta anos, non recordan cando foi a última vez que practicaron deporte. O sentimento de culpa provócanos a necesidade de entrar nun establecemento deportivo e comprar o material necesario para recuperar o tempo perdido: zapatillas, camisetas, pantalóns, gafas; mesmo teño visto casos extremos cargando con xogos de pesas ou bancos de abdominais… Pois ben; o efecto deste gasto compulsivo actuará como un bálsamo sobre a conciencia, pero deporte, o que é deporte, non practicaremos moito, e o banco de abdominais acabará enferruxado no rocho.

Que conclusión podemos sacar desta experiencia? Pois que os cartos gastados impulsivamente rara vez producen músculos.

Algo semellante ocorre coa Cidade da Cultura. Con carácter xeral, a creación de cultura está confiada ao pulo dos individuos e a misión dos poderes públicos consiste en ofrecer recoñecementos a posteriori sobre as obras executadas. Pero chegou o día en que os encargados de administrar os cartos dos galegos sentiron a necesidade de acometer proxectos máis ambiciosos, e como a cultura é un concepto inmaterial e os cartos hai que empregalos en bens duradeiros, edificaron un complexo onde loar a obra dos artistas que, despois de superar todas as barreiras, e a pesar de vivir ensimesmados, botaron adiante a súa obra.

Ao cabo, os cartos gastados no cimo do Gaiás terán tanta utilidade como cabe esperar da roupa do deportista ocasional. E se algún día un conselleiro; en particular aquel que por fin poña o ramo sobre a obra, comete a imprudencia de preguntarme sobre cal debe ser o fasto para conmemorar tal evento, non hei dubidar en propor a celebración dunha cea baile. A ela poden asistir os conselleiros de cultura presentes e pasados. E postos a invitar, por que non tamén os futuros. A fin de contas, todos teñen demostrado capacidades semellantes, e dos que veñan non cabe agardar menos.

5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...