Na espera da resolución do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Autonomía de Catalunya, o Presidente do Governo Galego afirmou que non había que nada que copiar dese texto, descartando a definición como nación porque Galiza “maioritariamente nón é nacionalista”.
Non pasara máis que un día cando apareceu o secretario xeral do PSdG-PSOE para rexeitar a idea de incluir esa definición na posíbel reforma estatutaria, asegurando non querer facer “unha fotocopia do modelo catalán”. Os dous tomaron como referencia a Cataluña, mais a razón da súa negación está en Madrid, antes Corte e agora capital do Estado, o centro de poder único que se bendice na Constituición de 1978 cando no artigo 2 asevera “a indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois”. Nen sequer reparan en que no mesmo artigo 2 e por causa da loita dos nacionalistas periféricos se recoñece a autonomía das nacionalidades -non tiñan forza para máis- e tamén a das rexións españolas. Sen a batalla histórica das nacións negadas non existiría o Estado das Autonomías, nen o Presidente do Governo Galego tería a oportunidade de asumir a súa alta responsabilidade, para estragala. Tampouco o Secretario Xeral do PSdG-PSOE sería o dirigente dun partido chamado así. Aviados estábamos de teren sido eles os representantes dos seus partidos nas Cortes constituintes: con esa actitude non terían aceitado a introdución dunha palabra como a de nacionalidade, hoje espallada por onde quer, para referirse ás outras nacións do Estado.
Os que desprezan a definición de Galiza como nación non o fan de balde, senón en proveito de intereses alleos. Tendo tamén un importante e decisivo carácter simbólico, a consideración estatutaria e constitucional como nación expresa algo tan materialmente determinante como a consciencia da capacidade de a sociedade galega de valerse por sí mesma. Exprime a consciencia de poder viver sen necesidade de Madrid como poder político, económico, mediático e cultural, sen prexuizo da convivencia nun Estado plurinacional e nunha Unión Europea sen fronteiras. Sabendo que a dependencia supostamente necesaria dun Estado que non recoñece a Galiza é parte da ideoloxía dun poder castrador das enerxías e da cultura proprias. Algo de todo isto foi albiscado desde que Galiza ten un certo autogoverno, sendo a nova realidade política, social, económica e lingüística da sociedade galega a que explica o renacer de posicións españolistas máis agresivas.
A concepción que subxace no artigo 2 da Constituición en vigor revelase cada vez máis como o instrumento xustificador do poder último e indiscutíbel herdado do absolutismo e carente dunha razón histórica democrática. Non tardará en facerse visíbel que a cooperación, se é vivida entre iguais, non é contraria á diversidade nacional.
A idea de España como unha nación única fermentada desde o tempo dos Reis Católicos, tan aducida polos que hoxe negan a diversidade nacional, ten que deixar paso a unha visión que recolla a realidade de que, depois do tempo deses monarcas -usurpadores dun poder que lle correspondía á raiña Xoana, criadores da Inquisición, represores de todos os diferentes e castradores do Reino de Galiza-, o que dan nación non era unha instituición peninsular, senón un conxunto de reinos e entidades políticas integradas nun patrimonio de estados pertecente á dinastía Habsburgo e depois do declinio aos Borbon franceses, do que naceron unha boa parte dos Estados europeus e americanos actuais. Só partindo da separación sucesiva dos estados europeus e da independencia dos americanos se enceta un proceso de estruturación dun Estado fundamentado nun poder monárquico carente de todo creto e no castelán como idioma, cando en Galiza a prática totalidade da povoación era monolingüe no seu idioma, aparecendo no mesmo tempo histórico movimentos alternativos, fundamentados na historia, na cultura, no carácter social e nos intereses económicos e sociais de países que definían como nacións, procurando o autogoverno. Nos dous últimos séculos, de dominio dunha monarquía caciquil e dúas ditaduras, con raros e excepcionais momentos democráticos, apenas na Segunda República e no tempo actual foi realmente posíbel constituir forzas políticas e instituicións que respondesen potencialmente á diversidade nacional.
Chegarán estes a suprimir a letra do hino que define a Galiza como nación que foi aprobado por unanimidade na primeira lexislatura do Parlamento?.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »